O 59% dos establecementos vigueses mellorou o cumprimento da normativa


Os asesores Covid realizan unha primeira visita e unha segunda para constatar o seguimento das recomendacións dadas aos locais. A información corresponde á pasada semana, desde o 5 ata o 11 de abril, datas nas que os profesionais asesoraron a 405 empresas de hostalería, un terzo por primeira vez e os dous terzos restantes, en segunda visita. Segundo os datos ofrecidos este martes por Abel Caballero, o 59% dos establecementos mellorou o cumprimento da normativa contra o virus logo da primeira revisión. 

A primeira conclusión ofrecida evidencia que case que o 90% dos establecementos cumpren “axeitadamente, ben ou moi ben” as normativas da autoridade sanitaria. Pola contra, detectouse un 6% con fallos e outro 4% con erros graves ou que non colaboran.

No concreto, o primeiro edil trasladou que o 66% ten persoal con formación específica sobre o protocolo Covid, case que a metade dos 405 locais carecen de Plan de Continxencia específico contra o virus e menos do 25% ofrecen unha carta dixital. Sobre a ventilación, Caballero destacou o “extraordinario” nivel de coidado da hostalería, co 95% de cumprimento.

Ademais, o alcalde puxo en valor que o 96% dos comercios presentan unha hixiene e desinfección axeitadas, o 93% mantén a distancia correcta entre mesas e o 97% dos traballadores emprega ben a máscara facial. En cambio, no relativo ao seu uso polos clientes, Caballero advertiu da necesidade de “aumentar as porcentaxes”, dun 90% en interior e dun 80% nas terrazas: “Segue estando ben, pero hai que esforzarse en cumprir a normativa”, recomendou.

“E despois hai algo moi significativo”, engadiu o alcalde: “Hai unha porcentaxe elevadísima de hostaleiros que cumpren e estes, que cumpren e se esforzan, nos transmiten a súa queixa dos que non cumpren. Porque claro, aquí pagan xustos por pecadores”, afirmou Caballero. “Hai que obrigar aos que non cumpren a que cumpran, e aí -e quero poñelo de releve- temos o apoio do 95% da hostalería, que quere que obriguemos a esa minoría a cumprir. E estamos facéndoo”, concluíu.

No relativo á clientela, os asesores Covid identifican algunhas aglomeracións, uso incorrecto das máscaras faciais e non respectar as normas sobre fumar. En segundo lugar, e desde a relaxación da normativa, se detecta empeoramento na ocupación das mesas no interior, que no 9% excede o límite máximo de consumidores permitido. “Hai que coidar moito os excesos de xente nas mesas nos interiores, e tamén nos exteriores”, indicou o alcalde.

Outro dato ofrecido polo alcalde este martes foi a porcentaxe de traballadores en ERTE, que baixou do 40% de semanas anteriores ao 10% actual. Os 405 locais asesorados a pasada semana empregan a 1.197 persoas en total.