Musealización do xacemento de Castro Alobre en Vilagarcía


O xacemento de Castro Alobre en Vilagarcía estrea os traballos de musealización, realizados polo Ministerio de Fomento no marco do convenio coa Deputación de Pontevedra, e baseados, como sinalou a presidenta Carmela Silva “nos máis altos estándares de calidade arqueolóxica para a súa posta en valor como reclamo cultural e turístico”. Neste senso, tanto a presidenta provincial como o alcalde Alberto Varela, destacaron o “mimo e o respecto” con que se teñen abordado os traballos, que a partir deste momento vanse ir completando con diferentes actividades e actuacións que permitan que tanto a veciñanza como as persoas visitantes poidan coñecer a riqueza patrimonial desta contorna e favorecer a súa promoción.

Na visita a Castro Alobre Carmela Silva, acompañada tamén por integrantes do goberno municipal e polos equipos de arqueoloxía da Deputación e da empresa encargada do proxecto por Fomento, insistiu en que esta “non é unha actuación arqueolóxica como tal, é un proxecto para a posta en valor do xacemento enfocada ao turismo cultural e sustentable que ten unha enorme atracción”. 

A presidenta da Deputación enxalzou “unha intervención que se fixo coa sinerxía de todas as administracións e que foi moi respectuosa, moi integrada na paisaxe e moi ben feita porque vai arrastrando á xente para atoparse finalmente co que realmente importa, que é o castro”. Carmela Silva lembrou que na execución das obras seguíronse os parámetros legais e de Patrimonio, que todos os informes foron positivos e que o obxectivo é “amosar ao resto de Galicia, do Estado e a nivel internacional o poderío arqueolóxico que temos nesta provincia e polo tanto converternos nun destino que ten como un dos seus grandes valores o patrimonio arqueolóxico”.

“Hoxe é un bo dia para Vilagarcía e a provincia –engadiu-, porque presentamos ante a nosa cidadanía e ante ás e os visitantes unha forma de actuar, de conservar e de valorizar o patrimonio que é fundamental. Nós, que apostamos polo turismo sostible vinculado á cultura, cremos que esta actuación vai permitir aumentar as persoas visitantes e sobre todo o perfil de persoas que queremos que veñan, que é xente que ama a cultura e quere coñecer cal era a historia dos pobos que visita como turista”. A presidenta asegurou que se cumpriu o obxectivo do proxecto, que é que “a partir de agora toda a xente que veña visitalo vai ter moitos indicios que está chegando a un lugar verdadeiramente salientable”.