Medio Rural destina 200 mil euros ao fomento de razas autóctonas



O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a resolución da Consellería do Medio Rural que dá publicidade ás entidades beneficiarias das axudas convocadas este ano para o fomento das razas autóctonas galegas. Así, repartíronse un total de 200.000 euros entre 10 asociacións de criadores da nosa comunidade para reafirmar o compromiso da Xunta coa conservación destas razas, apostando pola súa protección e defensa. 

Cómpre sinalar que cada unha das entidades beneficiarias recibiu 20.000 euros. En concreto, outorgóuselles subvención as asociacións de criadores das razas bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa. Así mesmo, concedéuselles axuda ás asociacións de criadores do cabalo de Pura Raza Galega, do Porco Celta, da raza Ovella Galega e da raza Cabra Galega, así como á de avicultores da raza Galiña de Mos. 

Esta liña de achegas ten como finalidade aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras galegas e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal. Tamén busca unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e da calidade neste tipo de producións, xa que as razas autóctonas son un claro exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas, dos pastos e para a prevención de incendios forestais.