Impulso a comercialización dixital do sector artesá na Coruña


Na área da Coruña repartíronse sete axudas entre os posibles beneficiarios que son os obradoiros artesáns, asociacións profesionais do sector e, no caso de axudas para a comercialización dixital, comerciantes retallistas que empreguen a menos de 20 traballadores. Os beneficiarios pertencen aos concellos da Coruña, Bergondo, Cambre e Oza dos Ríos.

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou  o local da Asociación Galega de Artesáns, un dos beneficiarios das novas axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para impulsar a comercialización dixital, facilitando así a adaptación aos novos hábitos de consumo e ao actual contexto xerado pola covid-19.

A iniciativa, que contou cun orzamento de 330.000 euros, contemplou apoios de ata 8000 euros por iniciativa (cun máximo de dúas iniciativas por beneficiario) para a organización de eventos como tendas efémeras, plataformas de market place, feiras ou calquera outro tipo de evento comercial celebrado en liña. Para os participantes neste tipo de actuacións, as axudas poderán alcanzar un total de 6000 euros.

Ademais, dentro da convocatoria tamén se contemplaron apoios para actuacións de comercialización física, con ata 8.000 euros para a participación en feiras artesanais ou ata 30.000 euros para a organización destes encontros, dependendo do tipo de solicitante.

Trenor destacou que este tipo de axudas teñen como obxectivo axudar aos pequenos comerciantes a abrir novas posibilidades para a venta dos seus produtos especialmente neste momento de restricións impostas pola pandemia. “Se un emprendedor ten unha idea ou proposta desde a Xunta de Galicia queremos que conte con apoio e coa ferramenta adecuada para poder levala a cabo”, subliñou o delegado da Xunta.