Galicia Calidade promociona os produtos e empresas certificadas nas escolas de hostalería



A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través de Galicia Calidade, vén de pechar unha colaboración con catro restauradores galegos e outros tantos centros educativos da Comunidade nos que se poden cursar estudos da rama de Hostalería e Turismo para promocionar os produtos e as empresas avaladas pola marca entre o seu alumnado.

Así, a Aula Gastronómica Galicia Calidade desenvolverase en catro centros situados en Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e Foz da man de cociñeiros e cociñeiras que tamén contan co aval da marca galega. 

Lucía Freitas do restaurante A Tafona de Santiago de Compostela; María Varela do local de restauración A Parada das Bestas de Palas de Rei (Lugo); Yayo Daporta do restaurante Yayo Daporta de Cambados e Iñaki Bretal do restaurante O Eirado da Leña de Pontevedra, serán os encargados de trasladar aos estudantes as bondades e a idoneidade de utilizar os produtos da marca Galicia Calidade.

Os centros nos que se desenvolverá a acción de promoción son o CIFP Compostela de Santiago; o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra; o CIFP Manuel Antonio de Vigo e o IES de Foz. De feito, Lucía Freitas será a encargada de inaugurar esta acción de promoción e formación cunha master class que dirixirá mañá martes, 6 de abril, no CIFP Compostela. Os alumnos participantes están a cursar o segundo curso de Gastronomía neste centro compostelán.