Formación on line da Deputación de Lugo para a comercialización de produtos turísticos


Cincuenta traballadores e traballadoras e concelleiros e concelleiras de 34 entidades locais da provincia participan dende hoxe e ata o vindeiro 15 de xuño na acción formativa on line Promoción e Comercialización de Produtos e Servizos Turísticos Locais, unha iniciativa organizada pola Deputación de Lugo dentro do seu apoio a unha das actividades máis prexudicadas polo impacto da pandemia, como son o turismo e a hostalería. 

Con esta acción formativa de 100 horas de duración, a institución provincial dota de ferramentas aos concellos para que adquiran a capacidade suficiente como para desenvolver e xestionar produtos turísticos e favorecer así a recuperación deste sector e o hostaleiro. Para iso, abordaranse, en catro bloques, estratexias de marketing turístico, proxectos de comercialización de produtos e servizos turísticos locais, o sistema de relación cliente-empresa no sector da hostalería e o turismo e a utilización das tecnoloxías da información na promoción do destino e para a creación e promoción de produtos turísticos no entorno local. Unha vez rematada a formación, os alumnos que a superen recibirán un diploma acreditativo. 

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou a importancia desta formación para “a reactivación do turismo e o impulso á economía. Tendo en conta as competencias e recursos limitados que temos neste eido na institución provincial, queremos estar ao carón dun sector que é dos que máis sufriron e están sufrindo a crise sanitaria”.