Defensa ante o Parlamento Europeo da actividade que realizan a baixura e o marisqueo


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, considerou moi positivo o encontro mantido hoxe por videoconferencia co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, o francés Pierre Karleskind, pois nel trasladou que a Eurocámara non ten présa por aprobar o regulamento europeo de control da pesca e que a prioridade é seguir traballando para deseñar unha normativa que se adapte perfectamente ás diferentes realidades do sector e ás súas necesidades.

A titular de Mar, que estivo acompañada por representantes do sector integrados no grupo de traballo do Consello Galego de Pesca sobre o brexit, defendeu a responsabilidade da actividade que desenvolven a frota de baixura e o marisqueo galegos e lamentou a rigorosidade do anteproxecto de regulamento europeo de control da pesca pois castiga un labor que xa está ben controlado ao desenvolverse preto da costa.

Rosa Quintana agradeceu a sensibilidade deste deputado europeo da Bretaña francesa, unha rexión pesqueira con características semellantes ás de Galicia e advertiu de que medidas introducidas na normativa -como a instalación de cámaras a bordo, a xeolocalización ou o rexistro dixital das declaracións de desembarque- apenas supoñen melloras para o control da actividade e, en cambio, dificultan en gran medida o labor diario dos profesionais do mar, desde a frota de baixura ata o marisqueo.

Neste sentido, tanto o Executivo galego como os responsables da frota manifestaron a preocupación e o descontento xerado pola recente aprobación na Eurocámara desta proposta normativa e lembraron que as decisións adoptadas sen escoitar ao sector xeran desconfianza e afastan aos profesionais do mar das institucións. Ademais, expuxeron, mostran o descoñecemento existente en Bruxelas sobre como se desenvolve o traballo nas embarcacións de pequenas dimensións.

Por iso, a conselleira do Mar apostou por mellorar o texto durante o proceso de negociación no marco dos trílogos -os debates entre a Comisión Europea, a Eurocámara e o Consello Europeo- para deseñar un regulamento de control máis adaptado á realidade da frota e que non castigue ao sector.

Medidas controvertidas

Rosa Quintana lembrou que a proposta de regulamento inclúe medidas como a videovixilancia a bordo -que incluso pode chocar coa intimidade do traballo a bordo e coa protección de datos dos mariñeiros-, a xeolocalización dos buques ou a notificación dixital das capturas antes da chegada a porto. No caso da videovixilancia a bordo, a conselleira lembrou que tanto a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo como outros actores do sector son máis partidarios de que esta medida sexa voluntaria -cun sistema de incentivos para a súa instalación- ou obrigatoria como sanción para aqueles que cometan algunha infracción grave da normativa pesqueira, opcións que terían unha maior aceptación no sector.

A titular de Mar tamén destacou que este tipo de medidas supoñen maior burocracia e non implican unha mellora substancial no control, como é o caso da xeolocalización das embarcacións de menos de 12 metros de eslora. Galicia defendeu en todo momento a exclusión da baixura e do marisqueo desa obrigatoriedade posto que o dispositivo supón un custo importante para a frota e trátase de profesionais ben controlados ao atoparse preto da costa.

Outro dos aspectos que Galicia considera negativos da proposta de regulamento de control é a obriga de rexistrar dixitalmente as declaracións de capturas antes da chegada a porto. Esta exixencia, incidiu a conselleira do Mar, afectaría a moitas embarcacións que realizan mareas inferiores a 24 horas e tamén ao marisqueo, en moitos casos cun único tripulante a bordo, o que complica a súa operatividade e supón maior burocracia duplicando a notificación previa ao desembarque.

Brexit

O encontro entre Rosa Quintana e Pierre Karleskind serviu para analizar a situación derivada do brexit e a negociación das posibilidades de captura en augas compartidas co Reino Unido. Neste sentido, a titular de Mar incidiu na necesidade de que se acade un acordo entre as partes para dar seguridade xurídica e estabilidade á frota así como a importancia de ter en conta os aspectos sociais e económicos na fixación das posibilidades de captura, tal e como establece a Política Pesqueira Común (PPC).

A representante da Xunta expuxo que vencellar o acordo exclusivamente ás recomendacións científicas suporía un mal precedente e avogou por avanzar nas negociacións de cara a 2026 blindando o mantemento do statu quo en canto ás pesqueiras, acadando o acceso ás augas británicas a cambio da entrada dos produtos do Reino Unido no mercado europeo.

Outro dos asuntos abordados na xuntanza foi o fondo de reserva de axuste do brexit, sobre o que Galicia defende a inclusión de compensacións para os efectos indirectos na pesca incorporando aspectos como o impacto en augas de terceiros países ou internacionais así como a menor rendibilidade asociada ás dificultades para xerar intercambios. Esta situación débese á cesión do 25% das cotas europeas ao Reino Unido ata 2026 a cambio do acceso a augas británicas durante só cinco anos e medio no marco do acordo sobre o brexit.

A comunidade tamén defende que se amplíen os recursos do fondo destinado ao sector pesqueiro desde os 600 millóns de euros ata os 1.000 millóns e que se poidan incorporar os fondos non empregados do actual Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) así como que a súa vixencia chegue, como mínimo, ata 2026.