Curso da Administración autonómica para adaptarse á nova normativa estatal de igualdade


A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe en Santiago de Compostela nunha webinar dirixida á Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre na que informou sobre os recursos dos que dispón a Xunta para facilitar a empresas e traballadores a implantación de medidas para avanzar cara á igualdade laboral.

Así, puxo en valor o curso de formación que a Administración autonómica impartirá entre o 11 de maio e o 1 de xuño para axudar ao tecido empresarial a adaptarse á nova normativa estatal en materia de igualdade. Trátase dunha iniciativa na que Galicia é pioneira e que foi deseñada no seo do Diálogo Social para facilitar coñecementos sobre a negociación dos plans de igualdade, diagnose, igualdade retributiva, medidas para fomentar a igualdade laboral e protocolos para loitar contra o acoso sexual e por razón de sexo. O prazo de inscrición ábrese hoxe mesmo e rematará o 1 de maio. Os interesados poden anotarse a través da seguinte dirección de mail: dx.relacionslaborais@xunta.gal. A Xunta expedirá un certificado para aqueles participantes que aproben os correspondentes test.

Esta iniciativa inclúe unha plataforma de teleformación para facilitar o acceso ao contido da cualificación. Nela porase acceder ás gravacións da formación e contará cun sistema de titorización cos mesmos profesores “de modo que de xeito moi sinxelo se poida obter unha formación mínima para iniciar unha negociación en igualdade”, apuntou Mancha.

A directora xeral, así mesmo, avanzou que nas próximas semanas a Xunta convocará axudas para fomentar nas empresas galegas a implantación de plans de igualdade, o teletraballo e a flexibilidade horaria e sinalou que a igualdade de oportunidades supón unha mellora da competitividade das empresas, tal e como o demostran numerosos estudos. Apuntou, ademais, que a Xunta está fomentando políticas de emprego e igualdade “tendo sempre presente a mellora do emprego feminino, xa que supón un beneficio para as mulleres e para as empresas”. Así mesmo, indicou que “na Xunta de Galicia estamos convencidos de que a igualdade é futuro, avance e xustiza social” e matizou que “o Goberno galego está totalmente comprometido coa igualdade laboral”.