Compra de dolmens e menhires cara o desenvolvemento do Parque do Megalitismo da Costa da Morte


 Co obxectivo de impulsar o proxecto despois do parón provocado pola pandemia o vicepresidente e deputado de Plans Provinciais e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reuniuse en Carballo con representantes dos dez concellos participantes no Parque do Megalitismo da Costa da Morte. Entre outras decisións, aprobouse o relevo na presidencia que pasa de Dumbría a Laxe e a aceleración das xestións municipais para completar a compra de dolmens e menhires este mesmo ano.

Despois do parón debido á pandemia que obrigou o pasado ano a desviar o orzamento previsto para as primeiras actuacións do parque a outras urxencias - como noutros proxectos e iniciativas-, a Deputación da Coruña, a través do seu vicepresidente e deputado de Turismo e Planes Provinciais, Xosé Regueira, e os dez concellos implicados, decidiron hoxe impulsar este ano as distintas liñas de traballo abertas.

Na reunión celebrada no Forum de Carballo, á que asistiu o vicepresidente Xosé Regueira, o presidente do Consello Director neste ano e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, e alcaldes e membros do goberno dos concellos implicados, aprobouse acelerar o proceso para completar a compra de dolmens e menhires catalogados no territorio do parque. Como se acordou en anteriores xuntanzas, son os propios municipios os que teñen que facer a tramitación de compra ou expropiación dos bens patrimoniais que serán adquiridos desta maneira co financiamento da Deputación por medio medio de convenios con cada un dos concellos.

"Despois da cesión dos créditos previstos para urxencias sociais pola situación provocada pola covid queriamos retomar con forza os traballos de consolidación do Parque do Megalitismo que experimentará un importante avance este ano coa adquisición de bens patrimoniais claves para o proxecto", sinalou Xosé Regueira na súa intervención despois dunha xuntanza en que se puxo sobre a mesa a necesidade de apurar a tramitación para a compra dos dolmens e menhires incluídos no catálogo.

Os representantes dos concellos comprometéronse a poñerse en contacto coas persoas propietarias dos terreos onde se atopan os bens patrimoniais para efectuar a compra ou expropiación que será financiada con fondos que a Deputación da Coruña trasladará posteriormente aos concellos a través de convenios con cada un deles pola cantidade indicada. En total, o proxecto conta este ano cun orzamento de 350.000 euros que se investirán maiormente na adquisición dos elementos do Megalitismo recollidos no proxecto, en total 14 dolmens e 2 menhires, algúns deles que pasaron xa a ser patrimonio público.

Ademais da compra de patrimonio, o Comité de Dirección avanzou na necesidade de concretar un plan de sinalización de recursos ao tempo que se desenvolve o proceso de compra de terreos, divulgación e pequenas obras para favorecer a accesibilidade universal

Laxe na presidencia

A xuntanza de Carballo foi a última en que o Comité de Dirección estaba presidido polo alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, xa que, en función do seu carácter anual e rotatorio en concellos de menor a maior número de habitantes, a partir de agora o cargo pasará ao concello de Laxe.