Cerdedo-Cotobade, referente na conservación e recuperación de animais

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que o Centro de fauna salvaxe de Cerdedo-Cotobade convértese nunha instalación referente na conservación e recuperación de animais, sobre todo de aves rapaces e acuáticas.

Así o puxo de manifesto durante a visita ás novas instalacións deste centro, executadas polo seu departamento grazas ao investimento de 650.000 euros, co que se dispón na provincia de Pontevedra do complexo ambiental integrado e moderno para o tratamento de animais máis completo de Galicia. A Comunidade galega conta cun centro de recuperación por provincia: o do Veral en Lugo, que destaca polas dependencias e equipamento para a atención de osos, o de Alto do Rodicio en Maseda e o centro recuperación de fauna de Santa Cruz en Oleiros.

Segundo a conselleira, convértese nun centro punteiro grazas á tecnoloxía e aos medios avanzados dos que dispón, así como un deseño funcional que incorpora melloras nas condicións de aloxamento e nos medios específicos para a recuperación dos animais tratados.

Recordou que grazas a actuación executada polo seu departamento este centro dispón dun túnel de voo, para facilitar a práctica das aves recuperadas antes da súa solta no medio rural. Trátase dunha construción de máis de 205 m2, con cuberta e laterais de paneis perforados, que se suman á instalación para a recuperación de aves acuáticas, cun patio con zona de baño e tres piscinas pequenas adaptadas á entrada e saída de aves acuáticas. Para garantir unha estancia nas mellores condicións de todas as aves ingresadas que presentan condicións para a súa recuperación tamén se construíu unha paxareira.

A actuación executada permitiu definir un espazo de case 1.250 m2 destinados á recuperación e coidado da fauna silvestre neste provincia, que segundo as cifras de rexistro, preto do 90% son aves, polo que se apostou por reforzar as instalacións mellorando e ampliando as destinadas a garantir a rehabilitación deste tipo de especies.

Segundo explicou a conselleira, este centro rexistra máis dun milleiro de ingresos anuais, dos cales un 30% son recuperados e se introducen no seu hábitat natural. Na actualidade son 27 os animais que están acollidos no centro, entre os que destacan unha aguia pescadora, pombas bravías, pinchóns de rula turca ou gaivotas patiamarela; polo que estes rexistros son unha boa mostra do traballo e da importancia deste centro de recuperación.