Cavaquinho, o son que conecta Braga con Ribadavia no Ukp Day


Ukp Day é un festival para tódolos públicos, de corte familiar, que xunta nun só día diversas actividades que apostan pola difusión das novas tendencias contemporáneas e o fomento da creatividade dos máis pequenos. Ademais dos concertos exclusivos con ukelele, tamén se organizan outras actividades complementarias como exposicións, obradoiros infantís, intervencións artísticas, charlas, mercado creativo e feira gastronómica. Outro atractivo do festival é o espazo no que se realiza: o interior do castelo medieval de Ribadavia do século XI, un marco incomparable para un evento destas características e que busca resaltar o seu valor patrimonial.

O ukelele é un instrumento que colleu fama en Hawai pero que ten a súa orixe no cavaquinho portugués, de aí que a presenza de artistas do país veciño sexa unha constante dentro do programa de concertos e actividades, fomentando así a internacionalidade do propio festival e establecendo unha colaboración cultural directa entre Galicia e Portugal.

Ruta do Cavaquinho: o son que conecta Braga con Ribadavia

Documental musical que busca resaltar de maneira simbólica e creativa a conexión que se establece entre a cidade portuguesa de Braga, lugar de orixe do cavaquinho (posteriormente coñecido como ukelele) coa vila galega de Ribadavia, onde se realiza, desde hai 5 anos, o festival UKP DAY, evento único do noroeste peninsular que ten como gran protagonista este popular instrumento.

O documental comeza coa creación de maneira artesanal dun cavaquinho nun dos talleres máis antigos e famados de Braga, o do luthier Alfredo Machado. Este cavaquinho é recollido por unha rapaza que emprende un percorrido que comeza en Portugal e que conecta na fronteira de Galicia co rio Miño, o cal seguirá a contracorrente ata chegar ao seu destino, Ribadavia. 

O camiño elexido transcorre por espazos de gran beleza vencellados ao Miño, poñendo o foco na riqueza natural e patrimonial do interior de Galicia. Nestes lugares, a rapaza protagonista, irase atopando con algúns dos artistas que tocaron en edicións pasadas do festival como os galegos Momboi, Astrogirl, Silvia Penide ou o portugués Julio Turquesa. Catro cancións diferentes que teñen en común o ukelele e que crean metafóricamente un único son que conecta o pasado tradicional co presente.

Iniciativa realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.