Catamaráns ao completo pola Ribeira Sacra



Preto de 2.000 persoas realizaron na Semana Santa algunha das dúas rutas fluviais en catamarán que ofrece a Deputación de Lugo polos leitos dos ríos Miño e Sil, o que supón que as embarcacións de Ponte do Sil e Belesar foron practicamente completas nos días festivos. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou deste datos, que cualificou como “moi positivos, xa que a porcentaxe de ocupación nas embarcacións provinciais rozou o 100%, similar a outros anos, confirmándose a tendencia á alza neste servizo”. 

O número de reservas viuse condicionado pola situación xerada pola Covid-19, xa que o aforo dos catamaráns que opera a institución provincial está reducido a metade para extremar a prevención e a contención da pandemia. Aínda así, dende o sábado 27 de marzo ao domingo, 4 de abril, o embarcadoiro da Deputación de Lugo Ponte do Sil rexistrou 1.392 viaxeiros e o de Belesar 446.