Camariñas, Mostra do Encaixe virtual


Ata o domingo, 4 de abril, terá lugar a segunda edición virtual da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña que presenta novidades con respecto ao ano pasado e nesta ocasión cambiará o seu funcionamento para centrarse na comercialización do encaixe e na publicación das coleccións do certame de Jóvenes Deseñadores en diferentes enclaves turísticos do municipio.

Desde o mércores 31 de marzo, os espectadores poderán ver os vídeos das coleccións do XXVII certame de Jóvenes Deseñadores. Moitos destes foron gravados por alumnos do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña (UDC) en diferentes localizacións do municipio e con modelos locais como protagonistas. Tamén terán o seu propio espazo, entre outros, as palilleiras, as nenas das escolas de palillo ou o voluntariado.

As plataformas de emisión da segunda edición da Mostra Virtual serán principalmente a páxina de Facebook da Mostra (@MostradoEncaixe) e tamén haberá contidos no Instagram (@Mostraencaixecamarinas) e na canle de Youtube (@Mostradoencaixe).

A clausura será o domingo e correrá a cargo da directora da Mostra, Dolores Lema, e da concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro. Ademais, tamén haberá espazo para a música xa que o Grupo Jaque quixo formar parte deste evento cunha versión propia da coñecida canción 'Camariñas'.