A Xunta destina 200.000 euros á celebración da 20ª edición do Festival Marisquiño

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou cos representantes da empresa organizadora do festival Marisquiño un convenio de colaboración que ratifica o compromiso do Goberno autonómico con este evento e a súa aposta por un modelo que conxuga con éxito turismo e deporte vencellados á cultura urbana. 

A Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, destina 200.000 euros á celebración da 20ª edición do Festival Marisquiño, co que a Xunta colaborou desde o ano 2014 a través de convenios e patrocinios da Axencia Turismo de Galicia e da Secretaría Xeral para o Deporte. 

A achega aumentou respecto á última edición, cando a Xunta destinou 120.000 euros, unha mostra da aposta do Goberno galego pola continuidade dun encontro que se consolidou no tempo como unha cita imprescindible no calendario deportivo galego.

Alfonso Rueda celebrou que o Marisquiño manteña un ano máis a súa cita malia as dificultades derivadas da pandemia e corroborou o compromiso da Xunta coa súa celebración, “porque é bo para Galicia e é bo para Vigo”, recordando que na edición do ano 2019 foi quen de congregar a 160.000 persoas durante tres días na cidade, con máis dun centenar de competicións deportivas e unha vintena de actividades musicais.

Nun ano significativo para o turismo galego, coa celebración do Xacobeo e a aposta por Galicia como destino seguro e de calidade, o Marisquiño preséntase como unha oferta diferente e diferenciada que pon en valor o deporte como atractivo turístico e que supón un potencial económico para a cidade olívica e para a súa bisbarra.

Con este convenio, a Xunta recoñece os 20 anos de traxectoria do festival e avala a súa continuidade no tempo.