A Xunta convoca as catas de viño e augardentes


O director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, vén de presentar a nova edición das Catas de Galicia 2021, animando ás adegas e comercializadores a participar un ano máis neste certame de renome a nivel nacional. Deste xeito, celebrarase no mes de xuño a XXXIII Cata dos Viños, a XXIII Cata das Augardentes, a X Cata dos Licores Tradicionais e o I Concurso de Deseño da Botella e Etiquetaxe.

Os participantes teñen ata o vindeiro mércores, 28 de abril incluído, para enviar o boletín de inscrición debidamente cumprimentado ao consello regulador correspondente, quen certificará que as empresas que se inscriban cumpren os requisitos e condicións establecidas nas bases do concurso. 

Como novidade, este ano haberá unha nova categoría de premios ao “mellor deseño da botella e etiquetaxe”, para premiar aquelas adegas que apostan tamén por unha presentación innovadora e creativa no seu etiquetado e no propio envase, pois moitas veces o consumidor escolle o produto pola súa imaxe exterior. 

No tocante ás bases do concurso, cabe sinalar que debido á emerxencia sanitaria da covid-19 no sector vinícola, este ano reducíronse os requisitos relativos ao volume de embotellado do viño para que as pequenas adegas non deixen de participar nesta nova edición. Toda a información relativa ás bases do concurso e as inscricións pódense consultar na seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/es/temas/agricultura/cata-vinos-aguardientes