A partir deste verán haberá no mercado produtos amparados con selo da Artesanía alimentaria


O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, anunciou na Comisión 7ª do Parlamento que a partir do vindeiro verán poderá atoparse no mercado produto amparado co selo da Artesanía alimentaria. Isto suporá, destacou, diferentes vantaxes para os produtores, como son dispor dun aval que garantirá a calidade das súas producións ou beneficiarse das campañas de promoción que faga a Xunta. 


En resposta a unha pregunta sobre esta cuestión, o responsable da Agacal engadiu que a regulación da Artesanía alimentaria vai abrir novas oportunidades ás empresas agroalimentarias galegas, como tamén o vai facer a futura lei de calidade alimentaria galega, un proxecto no que se está a traballar por parte da Xunta. Esta iniciativa ten un dobre obxectivo: por un lado, garantir a calidade de toda a produción alimentaria da nosa comunidade con base no cumprimento rigoroso da normativa de aplicación e, por outra parte, potenciar as nosas producións de calidade diferenciada -as que teñen unha maior reputación no mercado-.