A Deputación da Coruña proxecta unha gran senda a carón do río Xallas


A Deputación da Coruña proxecta unha senda polo Xallas que percorrería un total de 65,5 km, dos que 25,3 pertencen ao concello de Santa Comba, 4,7 ao de Zas e 35,5 ao de Mazaricos e no seu traxecto inclúense recursos de grande riqueza paisaxística natural, etnográfica e artística. 
O proxecto contempla o acondicionamento de todo o trazado coa roza de malezas e sinalización, ademais da construcións de dez pontes peonís colgantes de aceiro galvanizado e madeira e a instalación de quince paneis informativos, varandas metálicas, carteis de dirección e espazos de lecer con mesas e asentos. 

Na senda, puntos de especial interese natural e paisaxístico son a Fervenza de Castriz, a praia fluvial de San Salvador, a presa da Xesteira, encoro da Fervenza , a praia fluvial de Esmorode, Devesa do Anllares, encoro de Santa Uxía, fervenza da Noveira ou mesmo o mirador que sorprendeu pola beleza das súas vistas a Frei Martín Sarmiento e que agora leva seu nome. Entre os puntos de atractivo monumental e patrimonial atópanse, entre outros, a capela de Rubín, a Ermida de San Blas ou a Ponte e o castro de Brandomil. 

A senda do Xallas arranca no Concello de Santa Comba, concretamente na Fervenza de Castriz á beira dos muíños do río Mira. Atravesa logo Castriz diante do seu cruceiro, preto da praia fluvial de San Salvador. No lugar de Abaixo de San Salvador sinalízase un sedeiro alternativo que discorre por sendeiros de pescadores no que se mostra a beleza paisaxística do Xallas. 

A seguir a beira do río, atópase a antiga presa da Xesteira onde aínda se poden ver as casetas nas que se facían funcionar as turbinas que daban electricidade a moitas aldeas de Santa Comba, cunha primeira mostra da explotación da forza do río para obter enerxía. 

O Santuario de Nosa Señora da Saúde, coñecida como a capela de Rubín, mostra de estilo gótico do século XVI, xunto coa fonte constitúen dous interesantes exemplos do patrimonio artístico da ruta. 
O camiño levará á praia fluvial de Esmorode coa posibilidade de tomar outro sendeiro alternativo de uso dos pescadores. A Ermida de San Blas, do século XVIII e a Ponte de Brandomil do século XVII -pola que atravesaba o camiño de Santiago a Fisterra-, xa en Zas, onde atoparemos o castro de Brandomil. 

O lugar de Quintáns abre as portas do encoro da Fervenza, un dos máis grandes de Galicia con posibilidade de facer rutas en kayak, que nos permite, ao atravesar a ponte, entrar xa no Concello de Mazaricos. A Devesa do Anllares, un dos últimos bosques atlánticos onde conviven carballos, acivros, bidueiros, freixos, fentos e musgos son proba da riqueza do patrimonio natural que atravesa o Xallas, antes de chegar ao encoro de Santa Uxía, o último antes da desembocadura do río. A vista que marabillou a Frei Martín Sarmiento desde o miradoiro que agora leva o seu nome é outra das experiencias inesquecíbeis do camiño.

A fervenza da Noveira, sobre o río Arcos que desemboca no río Xallas, antes de chegar a aldea de O Fierio, é o punto final dunha senda que permite coñecer un patrimonio de grande riqueza paisaxística e patrimonial, a pouco xa do mirador do Ézaro e a fervenza do Xallas, remate do percorrido do río, xa no concello de Dumbría.