A Coruña abre a inscrición das Xornadas Gastronómicas de Dona Emilia

O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña únese á celebración durante este 2021 do centenario do falecemento da célebre escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán coas Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico - Dona Emilia que lembrarán, reivindicarán e divulgarán a súa figura. Estas xornadas celebraranse entre o 12 e o 30 de maio e o prazo para a inscrición de restaurantes e pastelarías está aberto desde este mércores 31 de marzo.

Con motivo deste centenario, Turismo da Coruña busca organizar unhas xornadas que permitan establecer sinerxías entre restauradores e establecementos especializados en propostas doces coa faceta máis gastrónoma de Dona Emilia, a través da implicación dos locais no deseño de propostas gastronómicas inspiradas na súa obra, na súa vertente máis galega e mediante o emprego de produtos de proximidade e temporada.

Para este certame admitirase a participación de ata 15 restaurantes cun menú, prato e/ou actividade gastronómica que pode ser tanto salgado como doce e tamén 15 pastelarías ou establecementos especializados en oferta doce. Todas as propostas deben estar sempre inspiradas na obra de Dona Emilia Pardo Bazán e baixo a premisa Atlántica de máxima calidade e excelencia.

A célebre escritora coruñesa, entre unha das súas variadas vertentes, foi pioneira en reivindicar o valor cultural da gastronomía española. No ano 1905 escribiu o prólogo de 'La cocina práctica' do seu amigo Manuel Puga y Parga "Picadillo" e, posteriormente publicou dous libros propios sobre cociña: 'La cocina española antigua', en 1913, e 'La cocina española moderna', en 1914, ademais dos seus múltiples artigos destinados á gastronomía.

Hostalaría #PorElClima

Na liña da Política de Sostibilidade do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e a norma UNE ISO 20121 de Xestión de Eventos Sostibles, solicitarase aos establecementos participantes nas Xornadas que se adhiran ao proxecto Hostelería por el Clima, que conta coa colaboración de Coca Cola, a Fundación ECODES e Hostelería de España, e impulsa a acción contra o cambio climático no sector da hostalaría.

Prazos e solicitudes

A participación será de balde para os establecementos e as inscricións realizaranse mediante o cumprimento do formulario dispoñible na web de turismocoruna.com e o seu envío a territorioatlantico@singulae.es. O prazo de solicitude de participación finalizará o vindeiro 14 de abril ás 14:00h. Para máis información está dispoñible o teléfono 639 89 48 12.