Turexpo Galicia adíase para setembro


A Feira Internacional de Galicia ABANCA acaba de decidir que a 10ª edición do salón turístico Turexpo Galicia, enmarcado na 43ª feira Abanca Semana Verde de Galicia, manteña a súa celebración este ano, aínda que se traslada das súas datas habituais. Levarase a cabo do 3 ao 5 de setembro. 

Nos últimos meses a Fundación Semana Verde de Galicia estivo traballando intensamente nesta convocatoria, podendo constatar un gran respaldo por parte dos expositores, que foron transmitindo á organización o seu interese en participar, aínda que sempre vinculado a que a evolución da situación sanitaria o permitise, segundo informan dende a organización feiral. 

Así, tendo en conta a situación actual, os expositores consideran de forma xeneralizada que a data na que estaba previsto celebrar Turexpo Galicia e Abanca Semana Verde, do 3 ao 6 de xuño, estaría demasiado próxima para realizar un evento coas características destas feiras, con gran asistencia de expositores e público. E entenden que o traslado a setembro é a mellor decisión posible, xa que podería permitir que o certame se desenvolvese cunhas maiores garantías, tanto no número de empresas e entidades participantes como na confianza do público visitante. 

Neste sentido, os expositores expresaron maioritariamente á Fundación a súa intención de participar en setembro e aproban a proposta de que o evento conte cunha duración de tres días en lugar de catro, dado que será unha edición especial, con características axustadas á situación actual.