Ruta en feminino pola cidade da Coruña


A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentou este mediodía na praza de María Pita a nova APP A Coruña en Feminino, unha iniciativa pioneira que se enmarca dentro dos actos conmemorativos polo 8M, e que se poderá descargar desde mañá, de modo que a veciñanza se achegará á vida de seis mulleres emblemáticas a través da tecnoloxía da realidade aumentada.

A edila explicou que se trata dunha forma sinxela e dinámica de visibilizar o legado destas referentes que tiveron unha vinculación estreita coa Coruña. As seis localizaranse en diferentes puntos da cidade, en que deixaron fondas pegadas, e todas están caracterizadas segundo a súa época, polo que coinciden en aspecto coa imaxe que gardamos delas grazas ao traballo da empresa Xoia Software.

Trátase de Elvira Bao, Concepción Arenal, Fanny Garrido, Rosalía de Castro, María Barbeito e Sofía Casanova.

A aplicación estará dispoñible de maneira gratuíta no Android Market e no Apple Store co nome A Coruña en feminino. Unha vez que se realiza o ingreso na app, esta xeolocalizará ás persoas usuarias ás que lles amosará un mapa da Coruña cos puntos a visitaren, propoñendo rutas para chegaren a eles. Nesas localizacións, e cunha precisión de 25 metros, activarase a opción de executar a realidade aumentada e nas pantallas aparecerá a muller en cuestión, que comezará a súa locución.