Reunión da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa


O presidente da Deputación de Ourense e presidente da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa ( EHTTA), Manuel Baltar, afirma que unha das claves que contribuirá á reactivación económica do termalismo en Europa serán os denominados "fondos de resiliencia", pensados para apoiar a recuperación económica trala pandemia do COVID-19. "É necesario impulsar proxectos europeos que dean visibilidade ás novas estratexias termais, as cales deben priorizar o termalismo como fonte de saúde e marca de calidade nun mercado turístico onde primarán a excelencia e a seguridade tanto como a oferta lúdica", afirma. 

A iso une a importancia de incluír, "como factor fundamental" neste novo modelo de turismo, a sustentabilidade das economías locais e provinciais, "no marco dunha riqueza termal que debe poñer en valor a súa experiencia de séculos e o seu constante esforzo por manter o equilibrio entre innovación e historia", sinala Baltar, quen preside desde hai case ano e medio a asociación termal máis importante do mundo –a EHTTA inclúe a 51 territorios termais de 18 nacións.

O presidente da Deputación de Ourense realizou estas declaracións ao remate da reunión por videoconferencia mantida polo board, o equipo directivo da EHTTA, xuntanza na que participaron Simone Zagrodnik, directora executiva; Paul Simons, presidente do comité científico, e o belga Eric Brut, vicepresidente da asociación, comité que tamén está integrado polo italiano Lorenzo Lucchini e o portugués Hugo Oliveira como vicepresidentes.

Na reunión pasouse revista ás actividades que os diferentes membros asociados da EHTTA están a desenvolver neste momento, "na procura dun termalismo rendible e adaptado á inminente etapa poscovid", afirma Baltar, e tamén se puxo de relevo a axenda de traballo dos próximos meses, na que figura a celebración do Día Mundial da Auga, o vindeiro 22 de marzo, ou a próxima asemblea da asociación, que terá lugar en San Pedro do Sult (Portugal) do 12 ao 14 de maio. Tamén se avanzou na materialización dun paquete termal europeo para a súa difusión en canles especializadas e nas conversas que se están a manter con institucións comunitarias "vendo os fondos de resiliencia como unha oportunidade para o termalismo", explica Manuel Baltar.

Asemade, ademais de proxectar actividades como o encontro que está previsto celebrar en Saratoga Springs (Estados Unidos), os participantes na reunión coincidiron en que 2021 será un ano no que predominarán os encontros virtuais, prevendo en retomar a actividade presencial en 2022; e tamén avaliaron os expedientes de novas incorporacións á asociación, en función dos informes elaborados polo comité científico.