Prorrógase a entrada en vigor carteis e códigos QR ata o venres 12 de marzo

A Xunta estende a moratoria para a descarga dos carteis co límite de capacidade dos locais e do código QR para o rastrexo de posibles contaxios da Covid-19 co fin de que os hostaleiros poidan adaptarse á nova normativa e á posta en marcha dun Plan de hostalería segura que permita compatibilizar a actividade no sector coas normas sanitarias. 

Tendo en conta as novidades que presenta esta normativa, coa obtención dunhas ferramentas que é necesario descargar da web Turespazo e a disposición ao público dun código QR novo para boa parte do sector, acordouse a prórroga da súa entrada en vigor ata o venres 12 de marzo ás 00.00 horas. Amplíase así a moratoria destas dúas medidas incluídas no Plan da hostalería segura, en vigor desde o pasado 26 de febreiro. 

A Xunta recorda que as demais medidas decretadas para a reapertura segura da hostalería son de obrigado cumprimento desde que entraron en vigor o pasado 26 de febreiro. Así, deberá respectarse o límite de capacidade permitida, sobre todo nas terrazas, nas que non poderá superar o 50% do total, ademais dos horarios de apertura e peche, a distancia de seguridade, o uso de máscara e, en definitiva, todas as medidas que figuran na orde do 25 de febreiro do 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalería segura en Galicia. 

As visitas masivas á páxina web para a descarga das ferramentas, para a obtención do código QR ou para facer consultas provocaron nas últimas horas algúns problemas técnicos que xa están resoltos. Por outra banda, leváronse a cabo actuacións de reforzo no servizo, de tal modo que o uso da plataforma está xa estabilizado.

Ademais das vantaxes que supón para obter as ferramentas esixidas no Plan de hostalería segura, Turespazo é a porta de entrada para empresas e profesionais dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas, de aí a necesidade de xeneralizar o seu uso.