Plan Recupera para reactivar Galicia desde a educación e a cultura

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento de Galicia para dar conta das liñas estratéxicas de actuación do seu departamento nesta lexislatura. Entre elas destacou o lanzamento do Plan Recupera, dirixido a reforzar as competencias non adquiridas polo alumnado ou as que presenten dificultades por mor da pandemia. O obxectivo é manter os estándares de calidade do sistema educativo galego, avalados por informes como o PISA e pola redución do abandono temperá. 

En concreto, anunciou que se poñerán en marcha unha serie de estratexias educativas de recuperación das competencias que poidan non estar consolidadas dada a excepcionalidade do curso pasado e do presente, “o máis esixente en moito tempo”. Ante iso, identificaranse os puntos débiles na formación do alumnado para compensar os posibles efectos xerados, dando continuidade aos reforzos do programa ARCO. 

Román Rodríguez referiuse ao modelo educativo propio impulsado por Galicia na última década e avalado hoxe polos resultados. “Hai que garantir o día a día, pero tamén traballar no presente pensando en recoller froitos a medio e longo prazo, xa que as decisións e accións que se fan hoxe tardan un tempo en visualizarse”, resumiu.

Tamén se lle dará un novo pulo á FP, cunha nova estratexia específica para o período 2021-2025. A innovación tecnolóxica, o impulso da FP dual e da formación en centros de traballo, as competencias emprendedoras e afondamento nas relacións co tecido empresarial serán algúns dos eixos de actuación, fundamentais para mellorar e inserción laboral dos mozos titulados. Unha reformulación estratéxica que marca estas ensinanzas como unha prioridade do Goberno galego diante do reto de reactivar Galicia, tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta.

Coincidindo co Xacobeo 2021, a Xunta vai potenciar tamén as ensinanzas artísticas coa premisa de que, como afirmou Román Rodríguez, “a educación é a canteira da cultura”. Neste sentido, o novo Plan Educ-Arte nace para estimular estas vocacións, co obxectivo de mellorar os currículos e o funcionamento dos centros que imparten música, danza, artes plásticas, deseño ou conservación e restauración de bens. 

Unha década xacobea para o crecemento

No eido da cultura, o conselleiro sinalou tres oportunidades que guiarán as políticas do Goberno galego: o aumento nun 27,4% dos orzamentos deste ano; a década xacobea, que funcionará como estímulo da actividade e o consumo, e os fondos europeos, que deberán ir destinados tamén á recuperación da cultura e das súas industrias. 

Entre as novas medidas, anunciou a elaboración de dous novos proxectos normativos: a lei de transformación dixital da cultura, para impulsar os servizos deste tipo, e a lei de inclusión e accesibilidade cultural, para seguir afondando no dereito irrenunciable nunha sociedade moderna de que todas as persoas poidan participar na vida cultural. 

Avanzarase tamén na elaboración de plans sectoriais para a proxección exterior da cultura galega, o apoio aos novos creadores, a dinamización e innovación no medio rural, a formación dos profesionais, a dinamización da lectura e a construción da Memoria Dixital de Galicia. Así mesmo, abriranse espazos de encontro, debate, reflexión e toma de decisión e consolidarase o papel da Cidade da Cultura como factoría de creación de contidos para toda a Comunidade e como centro de estudos e investigación do patrimonio, faceta que se concentrará no novo Edificio Fontán.