Ourense acollerá o XIII Congreso Internacional de Asociacións de Amigos da Vía da Prata

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou que a institución provincial apoiará a candidatura para que Ourense acolla en 2023 o "XIII Congreso Internacional de Asociacións de Amigos da Vía da Prata", un evento que implica ao redor de 320 asociacións de todo o mundo que traballan no ámbito deste camiño xacobeo, como ven realizando a asociación de Ourense. O evento converterá á nosa provincia en punto de encontro para máis de 200 conferenciantes que acudirán desde diferentes países para debater sobre as cuestións históricas, sociais, relixiosas e turísticas que abranguen á Vía da Prata.

Baltar confirmou o apoio da Deputación a esta iniciativa na videoconferencia que mantivo hoxe con José Antonio Quintas, directivo da Asociación de Amigos da Vía da Prata-Camiño Mozárabe, de Ourense, unha entidade coa que a Deputación de Ourense vén colaborando, entre outros ámbitos, para levar a cabo melloras dos tramos polos que discorre a Vía da Prata na provincia no que atinxe a sinalización e sendas peonís.

Baltar salienta "o carácter vertebrador e a importancia histórica da Vía da Prata como canle de difusión da nosa tradición e cultura", e afirma que o congreso internacional "suporá un pulo económico e turístico para a nosa provincia; unha oportunidade que temos que aproveitar e na que a Deputación de Ourense estará en primeira liña apoiando e cooperando", expresa o presidente Baltar.