O sector hostaleiro demanda ampliar o horario de peche dos establecementos


O Clúster de Turismo de Galicia e as asociacións provinciais de hostaleria de Lugo, Pontevedra e A Coruña solicitan a ampliación deo toque de queda ás 23:00 horas para poder así ampliar o horario de peche dos restaurantes á mesma hora, con reserva previa e desaloxando o cliente o establecemento co tempo suficiente para chegar ao seu domicilio dentro do toque de queda.

No caso de que non se decidise ampliar o toque de queda e este siga sendo ás 22:00 h, piden que “o cliente poida presentar factura do restaurante como causa excepcional para dirixirse ao seu domicilio despois da saída do restaurante”. 

En relación ao resto de establecementos de hostalería (cafeterías, café bares, bares etc.) solicitan ampliar o horario de peche ás 21:00 horas. 

Así mesmo, instan as autoridades que contemplen a posibilidade de levantar, canto antes, o peche perimetral da nosa comunidade autónoma, posto que está a causar un grave prexuízo a todos os establecementos de aloxamento (hoteis, casas rurais, apartamentos turísticos etc.). 

Así mesmo trasladaron á Xunta de Galicia que “se poidan anular as mesas e as cadeiras unha vez se teña o 30 % do aforamento (persoas) no interior do local e o 50 % do aforamento (persoas) no exterior”. Desde a patronal finalizan solicitando que “prevaleza o aforamento (persoas), xa que se temos que anular as mesas e cadeiras previas á entrada das persoas no local, estariamos a perder aforamento, xa que non todos os clientes veñen de 4 en 4, co correspondente prexuízo económico que isto supón para un establecemento que xa está aberto cun aforamento reducido”.