O Museo do Viño de Monforte acolle a mostra itinerante O traxe festivo da muller aldeán

O Museo do Viño de Monforte inagurou a mostra itinerante O traxe festivo da muller aldeán, nas terras de Lugo, enmarcada no programa O Teu Xacobeo coa que a Xunta busca diversificar e achegar a celebración do Xacobeo en todo o territorio galego. 

A mostra, que conta cunha subvención da Xunta de Galicia de algo máis de 20.000 euros, recolle unha selección de pezas dos traxes de gala tradicionais das mulleres provincia de Lugo, algunhas orixinais e outra réplicas recollidas en diversas casas dos concellos de Baleira, A Fonsagrada, Castroverde, O Corgo, Sarria, Portomarín ou Guntín, entre outras localidades. 

Tal e como destacou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, “trátase dun tesouro textil froito do traballo de documentación e recolla por parte dos investigadores de Traxandaina”,  un obradoiro artesán que o ano pasado recibía o Premio Artesanía de Galicia precisamente por este traballo de recuperación do patrimonio etnográfico e cultural deste territorio. 

Refaixos bordados, toucas de pelo, mantóns e traxes de gala que as mulleres destas terras lucenses tiñan para lucir compoñen esta mostra, que nos permite descubrir  técnicas de confección, de patróns e de tecidos rescatados do esquecemento. 

A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 27 de marzo en Monforte de Lemos para logo viaxar a Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba, A Fonsagrada, Sarria e Lugo.