O Goberno galego adiantará as axudas a hostalería que os concellos queiran destinar ao sector

Os concellos galegos interesados en axudar economicamente aos hostaleiros do seu municipio teñen de prazo ata o 30 de abril para sumarse á plataforma habilitada pola Xunta para adiantar e axilizar as achegas municipais que complementarán ás que xa puxo en marcha a Administración autonómica dentro do primeiro e do segundo plan de rescate a autónomos, microempresas e hostaleiros, dotado en total con 160 millóns de euros. 

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron un encontro con alcaldes e representantes dos concellos interesados para adiantarlles que xa está listo o convenio que permitirá habilitar esas axudas.  

O acordo permitirá á Xunta adiantar os cartos que os concellos destinen aos seus propios hostaleiros, aos que se lles detraerá posteriormente a cantidade, ben con cargo ás transferencias do Fondo de Cooperación Local, ben con cargo ás partidas orzamentarias municipais, segundo o que prefira cada un dos adheridos.      

O sistema foi moi ben acollido polos concellos galegos que acordaron colaborar economicamente cun dos sectores máis castigados pola crise, como quedou probado polo feito de que foron moitos os que manifestaron o seu interese en sumarse á plataforma habilitada pola Xunta, independentemente da cor política dos seus gobernos locais.  

II Plan de Rescate

O sistema permitirá achegar as axudas con maior axilidade e sen burocracia, como fixo a Xunta no primeiro plan de rescate e como está a facer agora no segundo, ao que se presentaron unhas 40.000 solicitudes e do que xa se pagaron 16 millóns de euros.

Alfonso Rueda pediu ao Goberno central a mesma axilidade na transferencia as comunidades autónomas das axudas estatais anunciadas para os sectores máis castigados pola pandemia, se ben lamentou que, en principio, a Galicia se lle vaia adxudicar unha cantidade menor da que lle corresponde por un cambio nos criterios de reparto que a Xunta considera arbitrario e subxectivo. Nesta liña, o Goberno galego sinala que co Plan do Executivo estatal, Galicia recibirá 234,4 millóns de euros fronte aos 340 millóns que lles corresponderían se se tivera en conta o número de autónomos e de empresas da comunidade.