O Camiño de Santiago coa muller como protagonista: Xacobeo Peregrinas

Co obxectivo de xerar espazos de reflexión que fomenten o intercambio de experiencias arredor da peregrinación e o Camiño de Santiago coa muller como protagonista, a Xunta de Galicia vén de poñer en marcha a iniciativa Xacobeo Peregrinas, un ciclo de dez encontros multidisciplinares que se desenvolverán nos Camiños de Santiago ata fin de ano. 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, presentou a acción, que se encadra dentro da programación do Xacobeo 2021-2022. “Xacobeo Peregrinas ten na experiencia da viaxe, do encontro e da reflexión, a súa razón de ser, como unha profunda reflexión sobre a nosa sociedade e os seus retos coa perspectiva que aportan estas mulleres”, explicou a directora de Turismo. 

Participación de figuras senlleiras

O programa Xacobeo Peregrinas componse de dez encontros en formato híbrido, presencial e virtual, que se celebrarán con periodicidade mensual en dez emprazamentos diferentes dos Camiños de Santiago. 

En cada un deles participarán destacadas convidadas nacionais e internacionais, recoñecidas pola súa aportación en diversas áreas de coñecemento (artes, ciencia, gastronomía...), que conversarán sobre a súas vivencias persoais e profesionais en relación co Camiño. “Buscamos dar a coñecer ao público potencial os Camiños de Santiago desde outras perspectivas”, explicou Nava Castro sobre a iniciativa. 

Primeira cita, Santiago

Cada unha das sesións terá un eixe temático e un emprazamento singular. A primeira delas terá lugar este sábado, 13 de marzo, na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela. A novelista Espido Freire, a investigadora experta en nanotecnoloxía María José Alonso, a Estrella Michelin Lucía Freitas e a médica e paratriatleta olímpica Susana Rodríguez Gacio, serán as convidadas desta primeira sesión, que será conducida pola xornalista María Solar e retrasmitida vía streaming.