O 52% das explotacións agrarias de Galicia están en mans de mulleres


O 52% das explotacións agrarias de Galicia están en mans de mulleres. Así o destacou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta sobre o emprendemento feminino no rural na Comisión 7ª do Parlamento. 

Das algo máis de 41.000 explotacións rexistradas na nosa comunidade que teñen como titular unha persoa física, un total de 21.267 están ao cargo de mulleres, fronte aos 19.997 homes que figuran como titulares únicos. 

Ademais, o director xeral explicou que aínda que se incorporan ao agro galego, en números absolutos, menos mulleres que homes, a proporción de mozas incorporadas é superior ao de mulleres beneficiarias de plans de mellora. Isto indica, segundo explicou José Balseiros, a gobernanza nas explotacións profesionais agrarias de Galicia en mans de mulleres. A maiores, no que atinxe ás axudas para creación de pequenas explotacións, no período 2016-2019 as mulleres superan os homes en número total de beneficiarias. Así, a porcentaxe é do 53% de mulleres, fronte o 47% de varóns. 

O director xeral situou todos estes datos no contexto das axudas da Xunta para plans de mellora, incorporación de mozos e creación de pequenas explotacións, coas que se mobilizaron, no período 2016-2019, máis de 270 millóns de euros para un total de 5.106 beneficiarios.