Medio Rural traballa na posta en marcha dunha unha Unidade de Soutos



A Consellería de Medio Rural  avanza co sector da castaña na creación dunha Unidade de Soutos. Este departamento  dedicarase exclusivamente á xestión deste recurso tan relevante para o rural de Galicia e será a que desenvolva no seu conxunto o Plan de recuperación de soutos tradicionais, diferenciando con exactitude estre estes e as novas plantacións de castiñeiros, unha vez se conte cos datos do Inventario Forestal Continuo no que traballan a Xunta e as universidades galegas.

Así llo traladou director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, aos representantes de diferentes asociacións do sector da castaña das provincias de Lugo e de Ourense, cos que mantivo unha reunión telemática.

Neste sentido, José Luis Chan explicou ao sector que se seguirán poñendo en marcha proxectos de recuperación de soutos de xeito piloto, como os xa executados en Moreda e no Courel, na provincia de Lugo, por exemplo. Ademais, o director xeral sinalou que esta nova unidade colaborará cos grupos de desenvolvemento rural (GDR) e cos concellos para o impulso do sector.

Por outra banda, nesta xuntanza tamén se avaliou a importancia do rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas. Neste sentido, José Luis Chan trasladou ás asociacións sectoriais que as superficies rexistradas terán prioridade na concesión de axudas públicas e que poderán acollerse a diferentes beneficios fiscais, entre outras vantaxes.