Medio millón de euros para as instalacións deportivas do parque náutico de Castrelo de Miño


O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e responsable dos asuntos de cooperación da institución provincial cos concellos da comarca do Ribeiro, César Fernández Gil, visitou as instalacións deportivas do parque náutico de Castrelo de Miño, onde a institución provincial investirá 576.000 euros nunha pista de remo que dotará a este complexo cun campo de regatas de categoría internacional, o que permitirá acoller no verán de 2022 a celebración da importante proba europea "Coupe de la Jeunesse".

César Fernández, acompañado polo alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, e a presidenta do Club Náutico, Beatriz Alberte, comprobou sobre o terreo os detalles do proxecto, que permitirá pasar das seis liñas de competición actuais ás oito que esixe a Federación Internacional de Remo; a instalación dun pantalán de saída con casetas para os xuíces; balizas conforme ás normas internacionais; un posto de chegada de dous pisos tanto para os xuíces como para a acoller a oficina do comité de regatas; e canles de circulación segura para a navegación.

Todos estes elementos poderanse retirar da auga unha vez conclúa a tempada de competición, o que facilitará a súa conservación.Asnovas instalacións, destacou César Fernandez "suporán unha importante mellora tanto a nivel funcional como operativo e técnico, reforzando a condición do parque náutico de Castrelo de Miño non só como referente nacional, senón tamén como unhas instalacións punteiras a nivel internacional".

Fernández enmarcou este investimento "na decidida aposta da Deputación de Ourense e do seu presidente, Manuel Baltar, por impulsar o potencial de Castrelo de Miño no ámbito dos deportes náuticos, o que agora se traduce neste importante investimento que nos permitirá acoller en 2022 unha prestixiosa proba europea".