Mar de Santiago, unha nova aposta por un turismo sostible e de calidade do Xacobeo

A Xunta aposta por un turismo sostible e de calidade vencellado ao Camiño de Santiago e ao Xacobeo e, nese contexto, apoia a creación e promoción da marca Mar de Santiago e o seu desenvolvemento por parte dos concellos de Vilanova, Catoira, Pontecesures e Valga. 

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, firmou cos alcaldes destes catro concellos un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto Mar de Santiago. A finalidade é elaborar un plan de activación turística e márketing dixital e a creación dun selo de calidade que se identifique co itinerario vencellado á chegada dos restos do apóstolo a Galicia; é dicir, coa Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla.   

A Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, destinará algo máis de 120.000 euros a este proxecto, que se enmarca dentro dos obxectivos do Plan estratéxico Turismo de Galicia e que aposta polo turismo de calidade e sostible, pola oferta diferenciada e pola fortaleza de Galicia como destino seguro e da marca Mar de Santiago como modelo de turismo tranquilo. 

O Plan de activación turística e márketing dixital busca, ademais da consolidación da marca Mar de Santiago, o desenvolvemento de estratexias de produto que distingan o Camiño de Santiago, a oferta gastronómica, a paisaxe, o turismo rural ou o relixioso, ademais de elaborar un documento para afianzar a marca como destino competitivo con gran valor estratéxico na economía galega. 

Alfonso Rueda amosouse convencido de que o plan permitirá coñecer mellor un itinerario “con moito potencial e que ten moito que aportar”. O vicepresidente primeiro mostrouse optimista respecto ás previsións turísticas para o segundo semestre do Ano Santo 2021 e para todo o 2022, convencido de que “moitos peregrinos van vir coñecer as marabillas desta zona”.   

A Xunta confía no Xacobeo como motor da recuperación económica de Galicia e na promoción dun modelo turístico de natureza, gastronomía e paisaxe acorde cos obxectivos que pretende o proxecto Mar de Santiago para atraer un perfil de visitante convencido pola oferta diferenciada que ofrece Galicia como destino seguro.