Estratexia do sector lácteo: aumentar a produción de queixos con DOP


A Xunta aposta por aumentar a produción das denominacións de orixe de queixo galegas e por mellorar o seu posicionamento no marco da Estratexia do sector lácteo. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura da xornada técnica “Queixos galegos con DOP - Irmáns de leite”, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos. 

O acto estaba dirixido a un grupo de queixeiros tradicionais do concello lucense de Palas de Rei, coa finalidade de abordar a experiencia produtiva de cada un deles e a importancia das marcas de calidade diferenciadas como potenciadoras da distribución destes produtos. Así, na xornada técnica puideron coñecer de primeira man o bo facer dos representantes das DOP Queixo Tetilla, Cebreiro, Arzúa Ulloa e San Simón da Costa premiados cos ouros na Cata dos Queixos de Galicia 2020. 

Ante todos eles, o conselleiro puxo en valor cada unha das formas tradicionais que adquire un produto de calidade extraordinaria como é o queixo, así como a relevancia destas catro denominacións de orixe no marco do sector lácteo galego. Nesa liña, lembrou que Galicia destaca como unha das dez principais rexións leiteiras de Europa, producindo o 40% do leite de toda España e albergando máis da metade das explotacións lácteas do total nacional. 

Co obxectivo de consolidar aínda máis este sector clave para a economía galega, José González apostou por continuar impulsando a transformación do leite en produtos de alto valor engadido que xeren riqueza na nosa comunidade. É o caso dos queixos galegos con selo de calidade polo que cómpre -dixo o titular de Medio Rural- aumentar o peso destes produtos na transformación industrial, avogando por optimizar os procesos de elaboración e poñendo en valor as súas características diferenciadoras relacionadas co territorio e co seu proceso de elaboración.