Cada peregrino do Camiño Inglés fai un gasto de 250 euros


O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, cifrou o impacto económico desta ruta xacobea en "catro millóns de euros no ano 2019, o que supón unha media de gasto de 250 euros por peregrino”.

Así o expuxo en A Coruña na xornada Intervencións dende a enxeñería na conservación e recuperación dos Camiños de Santiago en Galicia, encontro organizado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos en Galicia en colaboración coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. 

Para Mirás “queda demostrado que o Camiño de Santiago de Compostela é un motor de dinamización socioeconómico e cultural, basta con botar unha ollada aos case 350.000 peregrinos que chegaron no ano 2019 no conxunto das Rutas Xacobeas e os case 16.000 peregrinos do Camiño Inglés, o cuarto camiño en canto a número e cun crecemento moi positivo nos últimos anos”.