Boa noticia para o sector do viño: EE.UU supende temporalmente os aranceis


Satisfacción xeneralizada no sector do viño pola decisión do novo goberno de Estados Unidos de suspender durante 4 meses os aranceis do 25% para os viños procedentes da Unión Europea, uns gravames que puxo en marcha a administración Trump e que prexudicaron notablemente ao sector vitivinícola. 

Estados Unidos é o segundo mercado exterior para os viños galegos e españois, por detrás do Reino Unido. De feito, é o país de maior consumo mundial, con ao redor do 14% do total mundial, un mercado clave para España, líder produtor a nivel internacional pero tamén o primeiro exportador mundial de viños, cunha cota de preto do 20% do total. 

Para Galicia o mercado estadounidense tamén é, xunto con Gran Bretaña, o principal destino das súas exportacións de viños. Na campaña 2018-2019, a Denominación de Orixe Rías Baixas exportou 2,3 millóns de litros a Estados Unidos, unha cifra que supón o 29,04% do total das súas vendas ao exterior. 

A Federación Española del Vino (FEV) celebra este acordo e lembra que só en 2020, os aranceis provocaron unha caída do 9% en valor e do 4,5% en volume de viño español exportado a EE.UU., ademais dunha diminución de preto do 5% no prezo medio do viño que se exporta.