Axudas aos consellos reguladores para desenvolver programas de calidade


O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, que regula as axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias. O importe da convocatoria deste ano ascende aos 375.804 euros. 

Poderán ser obxecto destas axudas as actuacións encamiñadas ao control da calidade e da orixe dos produtos das denominacións de orixe, das indicacións xeográficas ou da agricultura ecolóxica. Tamén poderán recibir subvención os estudos, as investigacións e o desenvolvemento de programas para a mellora da calidade dos produtos obxecto de protección ou os gastos relacionados coa acreditación do consello regulador e para o seu mantemento. 

A maiores, poderán subvencionarse gastos operativos e retributivos orixinados pola participación do persoal do consello regulador no desenvolvemento e execución dos programas de calidade, incluídas as nóminas e os gastos de desprazamento, manutención e aloxamento destes traballadores. Tamén se poderá recibir axuda para a adquisición ou alugueiro de bens de equipamento e materiais - incluídos os equipos e aplicacións informáticas- que se empreguen na execución dos programas de control, así como os gastos derivados da realización de análises de laboratorio e outros ensaios relacionados coa certificación do produto. Por último, subvencionaranse os gastos derivados de recorrer a consultoría externa para acadar diversas acreditacións e os relativos a estudos realizados por terceiros cuxo obxecto sexa a mellora da calidade do produto ou a mellora dos sistemas para o seu control. 

Estas axudas permitirán aos consellos reguladores manter o elevado nivel de rigorosidade necesario na realización das súas tarefas de control da orixe e da calidade dos produtos que certifican, rigor que é clave para a reputación das nosas denominacións de orixe e indicacións xeográficas e, en xeral, para a reputación do noso sistema de control da calidade. Estas subvencións, financiadas exclusivamente con fondos propios da Xunta de Galicia, poden solicitarse no prazo dun mes a contar dende mañá.