A Gala do Turismo da Deputación de Pontevedra recoñecerá aos Michelins provinciais

Tralo parón pola pandemia de 2020, a Gala Provincial do Turismo da Deputación de Pontevedra volverá o próximo día 24 ao Auditorio Mar de Vigo cunha cerimonia que, segundo adiantou esta mañá a presidenta da institución, Carmela Silva, “será dinámica, con música, espectáculo, moitas sorpresas e respectando todos os protocolos fronte á Covid-19”. 

A presentación na sede viguesa da Deputación contou con convidados especiais conectados por vía telemática, os chefs Pepe Solla (Casa Solla, en Poio), Rafa Centeno (Maruja Limón, Vigo), Alberto González Prelcic (Silabario, Vigo) e Iñaki Bretal (O Eirado da Leña, Pontevedra), todos con estrela na Guía Michelin. “Eles e os demais chefs dos sete restaurantes con estrela da provincia serán os nosos Embaixadores Rías Baixas 2021”, desvelou Carmela Silva. 

Aos presentes súmanse Javier Olleros (de Culler de Pau, O Grove, restaurante que acadou dúas estrelas e que codirixe Amaranta Rodríguez), Pepe Vieira (do establecemento que leva o seu nome en Poio), Inés Abril (de Maruja Limón xunto a Centeno) e Yayo Daporta (do restaurante co seu nome, en Cambados).

No evento a Deputación fará entrega  dos diplomas do selo de calidade do SICTED aos e ás representantes de 136 empresas privadas e entidades públicas do sector turístico da provincia. “Queremos mostrar todo o noso apoio ao sector do turismo, o comercio e a hostalería, que ten sufrido un enorme impacto económico, e cremos que este é o momento para homenaxealos e prepararnos para saír desta situación con máis forza”, explicou Carmela Silva. Na provincia hai 303 empresas no SICTED, das que recibirán os diplomas aquelas 136 que acaban de obter o selo ou ás que lles toca renovalo. “Somos líderes nacionais neste distintivo de calidade, que acredita a excelencia do noso sector”, resaltou a presidenta.

O acto terá unha presentadora moi especial. “A gala estará conducida por Celia Freijeiro, unha das nosas grandes actrices de cine, televisión e teatro”, anunciou Silva. A intérprete de “Vida Perfecta”, serie premiada no Festival  de Series de Cannes, xa protagonizara o vídeo oficial de “Sigue o teu instinto”, a campaña turística da Deputación en 2020. 

A campaña deste ano, “Momentos Rías Baixas”, será o fío condutor da Gala. “Será unha viaxe pola provincia,  os bosques e rías, castelos, gastronomía, cultura, festas e Camiño de Santiago, e xirará en torno a momentos: un atardecer, un paseo pola natureza, unha visitas ás Cíes, ou unha experiencia gastronómica nun dos nosos restaurantes con Estrela Michelin”, subliñou a presidenta.

Durante o vento proxectarase o vídeo de “Sigue o teu instinto” adaptado para os festivais internacionais aos que se presentará, e un vídeo de “Momentos Rías Baixas” protagonizado por persoas do sector. Ademais anunciaranse os gañadores e gañadoras do primeiro concurso “Momentos Rías Baixas”, que está aberto en redes sociais e que recibiu xa máis de mil imaxes. “Será un gran espectáculo, moi dixital e tecnolóxico, cunha gran pantalla curva tralo escenario que chamará moito a atención e photocall con imaxes do comercio, hostalería, artesanía... para facerlles unha homenaxe a todas as persoas que contribúen a facer provincia e teñen sufrido moi especialmente as consecuencias da crise pola pandemia”, engadiu a presidenta.

Pontevedra Provincia era xa unha potencia a nivel nacional en Estrelas Michelin, con 5 restaurantes galardoados, e en 2021 alcanzaronse tres fitos máis: sumáronse Eirado da Leña e Silabario (que xa a tiña na súa etapa anterior en Tui); por primeira vez un restaurante da provincia acada as dúas estrelas, Culler de Pau; e tanto Culler de Pau como Pepe Vieira entraron na lista de 21 restaurantes de España que recibiron a Estrela Verde, a nova distinción da Guía Michelín que recoñece o traballo a prol da sostibilidade no campo gastronómico.