A exposición ONS SOA na 16ª edición da MICE

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo acolle como actividade paralela a exposición ONS SOA, comisariada pola arqueóloga e etnógrafa Paula Ballesteros-Arias a partir do seu traballo de campo na Illa de Ons.

A exposición, que se poderá visitar do 23 de marzo ao 30 de maio no Museo do Pobo, mostra unha selección de 19 fotografías e pezas audiovisuais que proceden da investigación de Paula Ballesteros-Arias no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC entre 2009 e 2013 xunto con materiais propios que foi recompilando dende finais dos 80 ata 2016. Un achegamento á vida cotiá a través das pegadas dun pasado que nos remonta á prehistoria e das testemuñas das persoas que residen na illa no momento da investigación.

A diversidade dun territorio illado

A exposición ONS SOA, como un relato autoetnográfico, resume as inquedanzas e impresións da antropóloga sobre o patrimonio cultural da illa de Ons, unha mostra práctica –e sensorial– de antropoloxía visual.

“Trato de plasmar a diversidade dun territorio illado, relativamente pequeno, onde os contrastes son unha parte esencial que marcan a súa singularidade, partindo do que vemos, do espazo físico onde as súas vertentes leste e oeste están claramente diferenciadas. Cara ao mar aberto do Atlántico ten unha costa abrupta e recortada con pequenas enseadas de coídos, cantís e covas mariñas. Porén, cara á ría, os areais ocupan unha parte moi importante do espazo, é onde atopamos a paisaxe agraria e os pequenos núcleos de poboación, onde acontece a vida social e o achegamento ao continente. Esa dualidade tan marcada entre a paisaxe salvaxe e a máis doméstica é o inicio do percorrido da exposición”, explica a comisaria.

Encontro arredor de ONS SOA

O xoves 25 de marzo, ás 17h30, no Museo do Pobo Galego, terá lugar unha conversa entre a comisaria da exposición, Paula Ballesteros-Arias, o director do filme Ons Alfonso Zarauza e o garda forestal do Parque Nacional da Illas Atlánticas Roberto Castiñeira Lavadores, moderados pola directora da MICE, Ana Estévez. O único arquipélago que fica habitado das Illas Atlánticas centrará un coloquio que aboradará a illa desde o cinema, a literatura e a educación medioambiental. 

A continuación, ás 19h30, proxectarase a película Ons, de Alfonso Zarauza, no auditorio do Museo do Pobo. As entradas serán gratuítas e poderán retirarse a través da plataforma Vivetix.