A Deputación de Lugo achega 24 millóns de euros aos concellos da provincia


A Deputación de Lugo aprobou por unanimidade no último Pleno ordinario a relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único 2021, e que suporán unha inxección de preto de 24M€. Os municipios priorizan os investimentos -aos que dedicarán o 70% do total dos fondos, seguido da creación de emprego, á que destinan 3,5M€ cos que crearán 300 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3M€ para atender a máis de 3.000 persoas. Dedicarán tamén 800.000€ para medidas sociais e económicas de loita contra o impacto da Covid-19.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca,subliñou a importancia de darlle o visto bo a estas actuacións no mes de marzo porque “nunca antes se fixo con tanta antelación, o que permite que os concellos se organicen mellor e teñan máis tempo para desenvolver as actuacións”. Engadiu que co Plan Único 2021 a Deputación axuda aos concellos “en todas as materias que son da súa competencia e que en moitas ocasións teñen dificultades para prestar por si sós, como son o arranxo de vías municipais, a creación do emprego, ou o Servizo de Axuda no Fogar”.

Pola súa banda, a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, asegurou que o Plan Único, o principal instrumento de cooperación da Deputación cos concellos, amosa a capacidade de xestión da institución para poñerse ao servizo das entidades locais. “Este programa serve para dotar con fondos económicos aos concellos e darlles capacidade de actuación, xa que a maioría son concellos pequenos e por si sós non poden afrontar moitos investimentos”, explicou. Así mesmo, destacou que o Plan Único “é unha medida axustada e atinada”, e apuntou que é “un modelo a seguir para outras administracións galegas que aínda non contan con ferramentas deste estilo”.