A área de Turismo da Deputación da Coruña, xunto cos concellos atravesados polo Ulla, botan a andar unha campaña para promocionar os recursos turísticos do río, en especial o seu patrimonio histórico, artístico, natural e deportivo, segundo informa a citada institución provincial.
O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, xunto con alcaldes dos concellos, participaron no acto de presentación do video "Goza do Ulla" que se desenvolveu na capela da Madanela de Arzúa.
O video, que se proxectou no acto, ten formato de documental no que dous mozos e unha moza seguen a pé o territorio que percorre o río, desde Antas de Ulla até a desembocadura en Vilagarcía de Arousa, pasando por vinte concellos das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra dos que Santiso, Arzúa, Touro, Boqueixón, Vedra, Teo, Padrón, Dodro e Rianxo pertencen a terras coruñesas.