Rueda insiste na necesidade da implicación do Goberno central co sector turístico

O vicepresidente primeiro da Xunta solicitou hoxe nunha reunión co director do Instituto de Turismo de España (Turespaña), Miguel Sanz, que o Goberno central apoie a celebración do Xacobeo 2021, que se estenderá ao 2022, e amose un compromiso concreto en colaborar coa súa organización. Alfonso Rueda explicou que se esta celebración ten un excepcional interese e será o motor de reactivación económica do turismo e a economía galega e engadiu que “non só beneficiará a Galicia, senón a tódalas comunidades polas que pasa o Camiño e á marca España”. 

Deste xeito, tamén reclamou apoio do Executivo central para a promoción internacional do Ano Santo, co obxectivo de contribuír a captar peregrinos de outros países e sobre todo o próximo ano, se as circunstancias sanitarias o permiten, recuperar o turismo internacional e, por ende, a recuperación da economía. 

No encontro, ao que asistiron a directora e o xerente de Turismo de Galicia, Nava Castro e Emilio de la Iglesia, Alfonso Rueda trasladoulle ao director xeral de Turespaña a aposta do Goberno galego pola posta en marcha neste primeiro trimestre do seguro coronavirus, que conta cun investimento de 1,4 millóns de euros. Destacou que esta medida pioneira permitirá cubrir os custos sanitarios, de transporte e aloxamento que se deriven da posible situación de contaxio de covid-19 dun viaxeiro e/ou o seu acompañante. 

A Administración autonómica busca así fomentar recuperación da confianza do viaxeiro a través do reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro, recuperar a mobilidade, continuar apoiando a reactivación do sector turístico galego e impulsar a celebración do Xacobeo no marco precisamente dun destino seguro. Segundo indicou o vicepresidente primeiro, trátase de incidir na idea de que “merece a pena vir a Galicia” e estender ese concepto de destino seguro ao resto de España. 

A medida inclúese no Plan de choque do sector turístico da Xunta, dotado con 37,5 millóns de euros, que conta ademais con programas para incentivar o consumo -Bono Turístico e Elixe Galicia- e axudas de 3,6 millóns de euros para inxectar liquidez ás axencias de viaxe e ao sector da touroperación. 

A Xunta tamén está a piques de lanzar o segundo Plan de Rescate dirixido a autónomos, microempresas e sector da hostalería pechado por 75 millóns de euros, que se suman aos 86,2 da primeira convocatoria. Por iso, Alfonso Rueda solicitou ao Goberno central un plan de axudas directas para o sector turístico, así como a redución do IVE ao 4%, un plan de axudas directas e un reparto equitativo dos novos fondos comunitarios vinculados ao sector.