Rosendo Fernández: Sempre hai alternativas. Pero este ano o entroido non será igual


Entre as competencias do Instituto Ourensán para o Desenvolvemento Económico (INORDE) atópase a promoción turística da provincia. Falamos co seu presidente, Rosendo Fernández, sobre o entroido e outras fortalezas de Ourense de cara ao ano que comeza.

-O entroido de 2020 salvouse da pandemia, foi unha das últimas festas que se puideron celebrar. E menos mal, porque quitarlle a Ourense o entroido é quitarlle moito…

Por suposto. Que sería Ourense provincia se lle quitas o entroido? Xa o dicía Julio Caro Baroja: “quien dice Carnaval, lo dice todo”.  Ese entroido ourensán que chega ata os nosos días pola pervivencia de ancestrais ritos, un ben cultural en condicións óptimas para a súa perpetuación, con todas as festas que ten vinculadas: o domingo fareleiro, o domingo oleiro, o xoves de comadres… 

Se imos a Xinzo, temos unha festa de Interese Turístico Internacional, como Ourense non vai apreciar isto. As pantallas de Xinzo, o vergalleiro, os cigarróns… 

Non sabemos se é unha festa ou un arte, eu penso que é as dúas cousas. 

-De cara a 2021, cree que se poderá salvar dalgún xeito parte da celebración? 

É unha das festas que puidemos ter no pasado ano 2020, para 2021 todo vai depender, como non, de como estean as condicións sanitarias, da incidencia que teñamos… Sempre hai alternativas. Pero como é lóxico, este ano o entroido non será igual. Eu penso que dalgunha forma poderá celebrarse. 

Pero como médico o que digo é que sempre respectando os protocolos sanitarios que nese momento estean vixentes, que non sabemos cales serán porque non nos podemos adiantar ao tempo nin prever o futuro sanitario. Polo ben da propia festa e polo ben das persoas, que é o que prima. 

-2021 traerá finalmente a chegada da alta velocidade, o Xacobeo, a previsible declaración de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra… Se a pandemia da tregua, pode ser un bo ano para Ourense? 

A verdade é que foi mala sorte, porque as perspectivas para o ano 2021 eran excelentes. Os camiños, como se vive en Ourense o Xacobeo, a oportunidade que supón a chegada da alta velocidade… Sen esquecernos do produto máis exitoso do verán ourensán, que este ano non puidemos celebrar, os trens turísticos, que tiñan liñas ocupadas practicamente ao 100%. Isto co propio Xacobeo sería exitoso. En canto ao 2021, estamos supeditados á pandemia, pero eu quero pensar que se poidan recuperar gardando as medidas de seguridade. 

Agora estamos moi centrados no turismo de proximidade. De feito dende o INORDE abrimos as estación turísticas, e algunha foi un éxito, como a de Baño de Molgas. Pregúntome se a xente coñece esta estación, coa exposición de Moncho Borrajo, ou o museo do automóbil de Santa Cruz… Este ano houbo unha gran afluencia. Ás veces queremos ir ao lonxano tendo sen coñecer de todo o da casa. No INORDE estamos poñendo as condicións necesarias e garantistas para poder acudir con seguridade a todos os lugares que merecen ser visitados. 

-Como contribúe e pode contribuír o INORDE para o turismo na provincia? 

O INORDE xoga un importante papel en todo o que acabamos de dicir. E estamos apostando polo turismo deportivo, é unha baza na que o INORDE está xogando forte xa dende hai anos. Basta con visitar Laias, Castrelo de Miño ou Arnoia, co centro de entrenamento de remo, o CERLAC. 

Estamos pondo todo a disposición nestes tres balnearios para o turismo deportivo, que cada vez é máis importante e xenera máis recursos económicos. Tamén celebramos o Trail do Xurés, o Arnoia bike… 

Ademais participamos en diversos proxectos europeos como o CRINMA, relacionado coa protección e a promoción do patrimonio cultural das zonas da montaña ou o KEEP ON, que pretende mellorar as políticas públicas en materia de patrimonio cultural.