Rectoral de Gundivós, viños de autor elaborados en ámboas de barro

A adega Rectoral de Gundivós, da D.O. Ribeira Sacra, é un proxecto que sacou o primeiro viño no ano 2016 co obxectivo de fusionar a olería e a viticultura, dúas das actividades tradicionais da Ribeira Sacra. Ámboa, Adobe e Ímbrice son as súas etiquetas.

Os seus catro socios, Elías, Manuel, José e José Antonio querían facer uns viños diferentes e para conseguilo apostaron por recuperar os recipientes nos que desde os tempos dos romanos se fermentaba o viño nesta zona e noutras moitas, como segue a suceder en Extremadura cos viños de Pitarra.


A primeira colleita do 2016 daba forma a unha idea que tiñan na cabeza os catro socios, dous deles con anos de experiencia no sector. Manuel Verao é o responsable técnico da adega, con puntuais asesoramentos de enólogos da súa confianza. El e máis José aportan o coñecemento vitícola e a experiencia no eido dos viños. 

Elías González é a outra das patas do proxecto. É o propietario da reitoral onde se ubica a adega e o alfareiro do grupo, encargado de facer as ámboas de barro, grandes recipientes de barro nos que fermentaba e se almacenaba o líquido elemento que esta adega recuperou para os seus viños de autor actuais. Pola súa banda, José Antonio está máis na loxística e cos asuntos burocráticos.