Pulo á transformación e comercialización de produtos agrarios


O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se resolve a convocatoria do ano 2020 das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Así, un total de 91 industrias galegas beneficiáronse destas subvencións, por valor de 26 millóns de euros. 

Estas achegas, que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2014-2020, teñen como finalidade fomentar os investimentos para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas a este fin. Trátase, polo tanto, de subvencións para realizar investimentos en activos fixos materiais. 

Así, do preto de centenar de proxectos aprobados, 23 son da provincia da Coruña, que reciben unha axuda de 6,7 millóns de euros; outros 38 beneficiarios na provincia de Lugo cunha achega de 10,1 millóns de euros. No tocante á de Ourense, son 11 os proxectos aprobados cunha subvención de 1,1 millóns de euros e en Pontevedra son 19 os proxectos beneficiarios cunha achega de 7,9 millóns de euros. 

En canto a sectores produtivos, destaca pola súa importancia as concedidas a 28 proxectos de investimentos no sector lácteo, cun importe total de case 12,4 millóns de euros. No sector cárnico apoiáronse 27 proxectos cunha axuda total de case 7,7 millóns de euros, mentres que no eido hortofrutícola concedéronse 2,14 millóns en axudas a 11 proxectos. No tocante á alimentación animal, aprobáronse 11 proxectos cunha axuda total de 1,7 millóns de euros e outros 14 proxectos son doutros sectores de actividade, cunha axuda total de 2,09 millóns de euros.