Promoción conxunta Xunta-Deputación da Coruña do Camiño Inglés


Dentro das actividades de promoción do Camiño de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia veñen de acordar a reedición dunha colaboración para o impulso e posta en valor do Camiño Inglés nas Illas Británicas que suporá un investimento de algo máis de 10 mil euros, dos que Turismo de Galicia asume o 50% do orzamento e a deputación coruñesa o outro 50%.

Trátase dunha acción promocional que permitirá incrementar o grao de coñecemento deste itinerario no Reino Unido a través da colocación dunha sinaléctica composta por adhesivos e placas informativas na terceira etapa do Camiño Inglés que transcorre en terras británicas.

A acción comezou en 2019 coa colaboración inicial entre Xacobeo e Deputación da Coruña para a promoción das dúas primeiras etapas da ruta turística, que comeza en Finchale, no condado de Durham, a 2.450 quilómetros da Praza do Obradoiro. A nova acción permitirá colocar sinais ao longo da terceira etapa da ruta, que decorre cara ao sur de Inglaterra a través de Bishop Auckland en dirección ao porto de Southampton onde os peregrinos embarcaban no medievo cara a Galicia.

O Camiño Inglés foi a ruta medieval de peregrinación dos devotos ingleses e doutros lugares do norte de Europa que chegaban en barco ata as nosas costas, comezando o seu camiño en Ferrol ou A Coruña. A popularidade do Camiño en Reino Unido recuperouse especialmente nos últimos anos. En 2019 preto de 10 mil británicos fixeron o Camiño de Santiago.

De feito trátase da quinta ruta máis transitado, en 2019 foi o escollido por máis de 15 mil peregrinos, unha cifra que se viu reducida o ano pasado ata os preto de 3000 por mor da pandemia.

A Xunta de Galicia investiu preto dun millón de euros nesta ruta a través do Plan Director do Camiño de Santiago 2015-202, investimento ao que hai que engadir os traballos de conservación, limpeza e mantemento así como a aposta pola mellora das infraestruturas de acollida, que se materializarán no futuro albergue de peregrinos na cidade da Coruña.

Tamén a Deputación da Coruña vén realizando nos últimos anos un importante esforzo económico tanto para a a mellora coma para a promoción do Camiño, dotándoo de mellores infraestruturas, códigos QR para a información dos peregrinos e estreitando lazos de colaboración cos territorios británicos onde nace esta ruta xacobea.