Piden a apertura da `raia húmida´ galaico portuguesa por motivos laborales


Alcaldesas, alcaldes e presidentes de cámara do territorio transfronteirizo do río Miño concentráronse na ponte vella de Tui para protestar polo peche de fronteira con Portugal e reclamar que se abran todos os pasos existentes, sempre cos controis sanitarios necesarios, para facilitar a circulación das e dos traballadores transfronteirizos.

Coas letras de SOS manifestaron a súa indignación e cualificaron de "escándalo" que tras o acontecido na primeira vaga da pandemia se volva cometer o mesmo erro de habilitar un só paso "castigando" ao persoal laboral –o único que pode cruzar a raia- a dar rodeos quilométricos.

O vicedirector do AECT Rio Miño, Uxío Benítez, explicou que a reivindicación de rexedores "é unha reivindicación xusta, e por iso estamos aquí mobilizados e nos seguiremos a mobilizar o que faga falta para que entendan que esta é unha fronteira que afecta a moita xente", polo que pediu aos gobernos centrais que fagan o mesmo que fixeron na primeira vaga da pandemia, cando despois de tres mobilizacións de alcaldesas e alcaldes nas pontes do Miño se abriron todos os pasos na ‘raia'. 

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Rio Miño comprende 400.000 habitantes de 26 municipios, 16 galegos do sur da provincia de Pontevedra e 10 da rexión do Alto Minho no norte de Portugal, tendo contabilizados uns 6.000 traballadores e traballadoras transfronteirizos. 

Unha demostración do peche férreo da fronteira entre ambas partes produciuse no inicio da protesta. Os rexedores de ambas partes saíron camiñando dos respectivos extremos da ponte vella sobre o Miño coa intención de reunirse simbolicamente no medio da infraestrutura.

O encontro non foi posible pois as forzas do orde impediron a escenificación e, a pesares de que se explicou que se trataba dun acto simbólico, obrigaron a manter unha separación duns 20 metros entre os mandatarios galegos e os portugueses facendo imposible a fotografía conxunta.

Finalmente, para salvar o pequeno treito que os separaba, os representantes portugueses volveron cara territorio luso, colleron os seus coches, pasaron oficialmente polo control de fronteira na ponte da autopista (a un quilómetro), cruzaron a Galicia e seguiron cara ao extremo da ponte vella en Tui. Unha vez alí, todas as alcaldesas, alcaldes e presidentes dun lado e outro do Miño realizaron a fotografía conxunta para reclamar a unión do territorio.