O primeiro Plan de Rescate da Xunta chega a máis de 1.000 profesionais do sector cultural

As axudas postas en marcha ao abeiro do primeiro primeiro Plan de Rescate da Xunta dirixido a autónomos, microemporesas e establecementos hostaleiros chegaron a máis de 1.000 profesionais do sector cultural por un importe superior aos 2,2 millóns de euros.

En concreto, concedéronse 1.283 axudas a 1.074 profesionais de diferentes actividades profesionais vinculadas coa cultura. En todos os casos se trataba de titulares autónomos de negocios ou establecementos do sector. Por ámbitos culturais, máis de medio millón de euros destinouse en 431 axudas para profesionais das artes escénicas. No terreo audiovisual o investimento foi superior a 466.000 euros en preto de 298 axudas. Beneficiáronse profesionais da exhibición cinematográfica, fotografía, produción e postprodución, radiodifusión ou mesmo aluguer e venta de vídeo e discos.

Tamén se outorgaron axudas a preto de 40 autónomos vinculados á industria musical, en concreto á gravación e edición ou fabricación de instrumentos musicais. Tamén ao sector do libro e edición con preto de 200 axudas ascenderon a máis de 316.000 euros e incluíronse profesionais de comercios de venta de libros e xornais, creadores artísticos e literarios, edición de libros, xornais e revistas, entre outras.

Este plan de apoio da Consellería de Emprego e Igualdade supuxo unha inxección directa tamén nos ámbitos do deseño e artes gráficas, con máis de 200 axudas incluíndo a profesionais de actividades de deseño, preimpresión e impresión. O investimento foi neste caso superior aos 420.000 euros. Do mesmo xeito, tamén foron beneficiarios autónomos de servizos de tradución e interpretación, así como profesionais de salas de espectáculos, entre outros ámbitos.

Por provincias, na da Coruña concedéronse 525 axudas a 449 profesionais; en Lugo 162 que repercutiron en 136 autónomos; en Ourense a cifra ascendeu a 135 e 95 beneficiarios e en Pontevedra concedéronse 461 subvencións a 394 persoas.

Apoio continuado

Este primeiro Plan de Rescate para autónomos, microempresas e  establecementos hostaleiros pechados como consecuencia das restricións sanitarias inclúese no compromiso do Goberno galego por apoiar aos distintos sectores profesionais antes os efectos derivados da covid-19 nos últimos meses. A Xunta xa ten pechado e en fase de tramitación o segundo Plan de rescate que se activará o antes posible para que as axudas directas cheguen coa maior urxencia aos sectores máis afectados pola crise sanitaria.

Esta medida complementa a outras iniciativas como o Plan de Reactivación da Cultura que está en marcha desde o ano pasado e no que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investiu ata o de agora 26 millóns de euros e que permitiu a programación de 4.500 actividades só o ano pasado. Este Plan amplía o seu alcance cunha nova inxección de 23 millóns de euros neste primeiro trimestre. Tamén será importante a activación de iniciativas para a captación de fondos europeos que inclúen un hub en diálogo coas industrias creativas.