Metrominuto para os concellos de Pontevedra


A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, vai elaborar ‘Metrominutos' para todos os ‘Concellos Ágora' que o soliciten. Así o confirmou hoxe o deputado Uxío Benítez, quen destacou que a iniciativa supón unha axuda aos municipios integrantes da rede de traballo provincial para fomentar a camiñabilidade a través dunha ferramenta de comunicación xa recoñecida.

Benítez mantivo unha reunión cos concellos e con persoal da Rede de Cidades que Camiñan (que realizará os deseños) para explicar as características do Metrominuto e como se pode aplicar aos diferentes municipios da provincia. 

O encontro contou coa presenza de representantes técnicos e políticos de trinta gobernos locais (da comarca de Pontevedra Poio, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e A Lama; do Salnés Meaño, Vilagarcía, Ribadumia e Meis; do Morrazo Bueu, Marín e Vilaboa; de Vigo Porriño, Nigrán, Gondomar, Salceda, Soutomaior e Mos; de Caldas Valga, Moraña e Caldas; do Baixo Miño O Rosal, Tui e Tomiño; do Condado Paradanta Arbo, Salvaterra e Mondariz ; e do Deza Tabeirós Vila de Cruces e Silleda) que se manifestaron interesados na proposta, remitindo xa as primeiras solicitudes formais, que se concederán por orde de chegada.

"A reunión foi un éxito. Esta é unha experiencia piloto que se vai probar, xa que o territorio da provincia de Pontevedra non é o mesmo que o de núcleos urbanos e compactos. Temos que ver de que maneira melloramos iso e facemos metrominutos máis adaptados á nosa realidade dispersa", apuntou o deputado.

O metrominuto é dun mapa sinóptico deseñado cos códigos visuais dos mapas de metro que mide distancias e tempos camiñando entre os principais puntos de centralidade (servizos, prazas, parques, centros de barrio…) de cada vila ou cidade de calquera tamaño.

A súa finalidade é desdramatizar a cultura do camiñar, poñendo en evidencia a proximidade entre lugares recoñecibles, ademais de resaltar a importancia de ir construíndo cidades compactas, densas e diversificadas, onde as necesidades da vida cotiá poden resolverse en traxectos curtos a pé.

O primeiro metrominuto naceu en 2011 froito dun laboratorio de ideas sobre mobilidade peonil na cidade de Pontevedra e desde entón foron numerosas cidades as que optaron por adaptar esta idea á súa oferta informativa sobre mobilidade. En 2013 mereceu o Premio Intermodes da axencia homónima.

O deseño dos metrominutos da Rede Ágora contará coa colaboración da Rede de Cidades que Camiñan, que vai executar o deseño para cada un dos concellos. Nestes momentos está en elaboración xa un dossier explicativo específico para a rede Ágora e as características do territorio pontevedrés.

 Audios

  • Audio

    00:00/01:33