Mapping de Rosalía de Castro nas fachadas da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra ten xa todo preparado para a intensa axenda de actos institucionais cos que celebrará este mércores o Día de Rosalía e render así homenaxe, no aniversario do seu nacemento, “á escritora galega máis universal”. Os actos centrais da xornada celebraranse en Vigo e Pontevedra con dúas accións culturais nas sedes provinciais de ámbalas dúas cidades, que contarán coa asistencia da presidenta, Carmela Silva, e dos alcaldes, Abel Caballero e Miguel Anxo Fernández Lores. 

O evento reunirá a persoas do mundo da cultura, do arte, da igualdade e da comunidade escolar, e contará coa música en directo de Uxía. As dúas accións culturais, en Pontevedra a partir das 12 da mañá e en Vigo ás 19 h, retransmitiranse a través da web e das redes sociais da Deputación e contarán co servizo de interpretación de lingua de signos.

Amais de lecturas da obra de Rosalía por escolares de centros educativos, lerase tamén o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega que, neste 2021, foi elaborado pola autora Anna Figueiredo. Tamén se coñecerán os premios do concurso de debuxo infantil “A nosa Rosalía”, no que participaron nenas e nenos de toda a provincia.

A xornada culminarase pola noitiña con “Proxectando a forza de Rosalía!”, o mapping do pensamento e imaxe de Rosalía de Castro nas fachadas das sedes da Deputación en Vigo e Pontevedra que se lanzará a partir das 19.30 horas e manterá ata o 3 de marzo. Esta mesma proxección, que se dinamizará a través das redes sociais cos hasthags #CoaForzadeRosalía, #DíadeRosalía e #ADepoconRosalía, tamén se poderá ver a mesma hora nun prendido colectivo nas casas dos concellos de Bueu, Caldas, Oia, O Rosal, Salvaterra  e na casa da cultura de Silleda.