Lacónicas, VI Xornadas gastronómicas do Lacón con Grelos a domicilio

Os coruñeses e coruñesas poderán degustar nas súas casas os tradicionais menús de Entroido grazas ás Lacónicas, VI Xornadas gastronómicas do Lacón con Grelos que se reinventan con servizo a domicilio e de recollida en local.

Nesta ocasión, as Lacónicas celebraranse entre o 4 e o 28 de febreiro e en total serán 19 os restaurantes e locais hostaleiros que participan con prezos que oscilan entre os 20 e os 30€ e que inclúen a tradicional sopa, a lacoada e as sobremesas con filloas, orellas ou rosquillas. Para iso, recoméndase á cidadanía encargar previamente.

As xornadas Lacónicas consolídanse como unhas xornadas distintas e singulares á programación habitual de eventos gastronómicos do Consorcio de Turismo da Coruña, xa que nelas búscase exaltar un produto clásico da cociña tradicional galega no marco dunha festa tan querida polas coruñesas e coruñeses como é o Entroido e que nesta ocasión se mantén como apoio aos locais hostaleiros nun momento complicado no que precisan a axuda de todos e todas.

Pola contra, nesta ocasión non se celebrarán os showcookings e actividades que estaban asociadas nos mercados municipais coruñeses a este evento, debido ás restricións existentes.

Ademais, dentro da política sostible do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, nesta ocasión as Lacónicas contan coa colaboración de Hostelería #PorElClima, o proxecto que impulsa a acción contra o cambio climático no sector da hostalería apoiado por Coca-Cola e Hostelería de España.

Toda a información e o folleto destas VI Lacónicas estará dispoñible na web turismocoruna.com.